Tuesday 14 de May de 2024

O Goberno local comprométese coas e cos empresarios de ASCEGA a activar de xeito inmediato o plan de choque contra a crise de coronavirus


O voceiro do executivo participou nun debate organizado pola asociación empresarial

O voceiro do Goberno local e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, participou esta mañá nun debate organizado pola asociación ASCEGA, ao que asistiron tamén representantes dos grupos municipais do PP, BNG e Ciudadanos.
A entidade expuxo a gran preocupación coa que o sector, especialmente o comercio e a hostalaría, afronta as consecuencias da crise da COVID-19. Desde a asociación advertiron dos problemas a medio e longo prazo que se presentan para a actividade económica na Coruña e, co fin de os atallaren, solicitaron un plan de actuación das administracións que permita inxectarlles liquidez ás empresas con axudas directas para dinamizar o mercado. Con ese obxectivo solicitaron do concello investimentos por 5 millóns de euros para o tecido empresarial e unha resposta inmediata e unánime para afrontar as consecuencias da crise. José Manuel Lage Tuñas agradeceu a posibilidade de participar no debate e de escoitar de primeira man as peticións e suxestións das persoas empresarias. O voceiro do Goberno local apuntou que a intención do executivo e do resto das formacións é aprobar en Pleno a vindeira semana un modificativo de crédito por valor de 13 millóns de euros, cantidade da que unha boa parte se destinará
precisamente a axudas directas e indirectas ás e aos pequenos empresarios e persoas autónomas para salvagardar o emprego e impulsar a economía local.
“Temos que amosar o noso agradecemento a todas as entidades da cidade polas súas propostas”, dixo Lage Tuñas, que tamén quixo recoñecer o traballo conxunto dos grupos políticos: “Sería imposible sen a súa colaboración”, dixo. “Estamos a cumprir o encargo da alcaldesa, Inés Rey, de buscar un acordo para poder aprobarmos este plan o antes posible”, asegurou Lage Tuñas.